(VÍDEO) Un vertido tingue de branco as augas do río Xunco ao seu paso por Sargadelos

Continúan as tarefas para identificar o foco da vertedura, sen incidencia no caudal máis arriba de San Román

Vertido no río Xunco. BNG

Un vertido tinguiu este luns de branco o río Xunco, no municipio de Cervo, segundo denunciou o grupo municipal do BNG a través das súas redes sociais. A formación nacionalista púxose en contacto coa Garda Civil alertada pola veciñanza ante a “lamentable” estampa do caudal, que semellaba “leite” ao seu paso por Sargadelos, na contorna das antigas fábricas e da Fonte da Tella.

Fonte do vídeo: BNG de Cervo

Desde o Concello de Cervo expoñen que se alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia e que se formulou denuncia ante o Servicio de Protección de la Naturaleza (Seprona). Por agora a orixe da vertedura é “descoñecida“, segundo o goberno local. A hipótese principal na que se traballa é que o vertido proceda da zona das balsas de caolín, pola intensidade da cor branca da auga, sen escuma, e dado que non hai incidencia no río máis arriba desa área, en San Román. En todo caso, continúan as tarefas para procurar o foco. Non se atoparon evidencias de mortandade de fauna.

Trátase da segunda vertedura, aínda que en principio de distinta tipoloxía, no río Xunco nun período de catro meses, dado que a finais do pasado agosto varias troitas apareceron mortas na contorna da presa de Sargadelos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here